Tuesday 21 de May de 2024

Viaxes en veleiro e visitas teatralizadas para coñece-la vinculación da Pobra co Xacobeo


O programa A Pobra xacobea consta de varias viaxes en veleiro e visitas teatralizadas que axudan á posta en valor do vínculo do municipio co Camiño ao tempo que se diversifica a oferta turística e se contribúe a que a demanda non se limite a unha única estación. Así o desvelaron este mediodía a concelleira do Turismo, Charo Varela e a técnica desta área, Sara Sánchez.
Cada viaxe en veleiro dispón de 10 prazas, polo cal constitúe unha excursión personalizada en que o patrón ofrece a explicación e as persoas pasaxeiras teñen a oportunidade de formula-las súas preguntas ou expoñer dúbidas. Estas navegacións efectúanse cada sábado e domingo deste mes de setembro, e a do vindeiro sábado 19 será a derradeira oportunidade para gozar desta experiencia.
As saídas están previstas para as 11.00 horas e establécese o regreso para as 18.00 horas. Durante a navegación, as persoas pasaxeiras terán a oportunidade de divisa-las fachadas marítimas dos concellos, as illas e formacións pétreas que figuran nas cartas náuticas, así como o único viacrucis marítimo que existe.
Ademais, efectuarase unha parada en Vilagarcía de Arousa. As inscricións pódense formalizar no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou no teléfono de contacto 671090262. O prezo estipúlase en 12 euros para persoas adultas e 8 euros para nenos e nenas ata 12 anos. O pagamento efectúase por unha transferencia bancaria.
Por outra banda, Serafín Marcos ofrecerá visitas teatralizadas. A proposta transcorrerá, ás 20.30 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán con soporte audiovisual debido á situación sanitaria derivada da COVID-19. De feito, este sábado 12 desenvolverase a referida actividade.
A técnica Sara Sánchez referiuse ás viaxes en veleiro como unha actividade con boa acollida entre o público. Proba disto son as máis de 100 persoas que xa participaron nesta proposta na tempada baixa entre 2019 e o presente ano, ademais das máis de 300 que participaron nas que organiza o propio Concello na tempada alta; esta última acción adscríbese á potenciación do turismo náutico.
Pola súa parte, a edil Charo Varela fixo fincapé en que o propósito é a posta en valor da relación existente entre A Pobra, en concreto, e a ría da Arousa, en xeral, co Xacobeo e a Translatio. Engadiu que outro dos obxectivos é potencia-lo concello a través daquelas actuacións que se realizan no propio mar, o cal está recibindo”unha resposta que cada ano é máis significativa.”

Estas actividades enmárcase na iniciativa O teu Xacobeo, impulsada pola Xunta e que é unha programación social e cultural que se desenvolverá en toda a xeografía galega durante 2020, anticipando o Xacobeo 2021.